Mañá mércores 23 de febreiro ás 18:30 inaugúrase na Sala de Exposicións da Casa do Escudo de Verín a mostra “MEMORIA DE ENTROIDO” organizada polos centros de ensino das comarcas de Monterrei e de Viana do Bolo. É unha exposición con preto de cen fotografías antigas que reflicten o entroido das dúas comarcas. Estas imaxes foron recollidas polo alumnado durante o segundo trimestre e pretenden por en valor a memoria colectiva que sobre esta festa hai na zona. Nuns días este traballo tamén se poderá ver nos centros de ensino para que todo alumnado, profesorado e familias poidan gozar deste traballo colectivo. Pensando nos visitantes que se acheguen á zona nos vindeiros días de entroido, a mostra tamén estará en distintos bares das localidades de Verín, Viana do Bolo e Castrelo do Val.
As fotografías expostas son aportación das familias e recollen imaxes dende finais do século XIX ata os anos 1980-90. Son de moito interese fotografías dos anos vinte ou da época da guerra e represión franquista cando se prohibira esta festa tan identitaria da zona e se facía en zonas menos controladas polas forzas da orde. En canto aos contidos pódese ver como foi evolucionando o xeito de se disfrazar, desde as “mascaritas” que cunha colcha vella solucionaban a vestimenta, as comparsas que ao longo do Século XX ían desenvolvendo o seu enxeño ou as roupas tradicionais que eran utilizadas como “traxes de galegos”. Tamén se poden apreciar edificios singulares da zona en distintas épocas. Nas fotografías recollidas áchanse imaxes de entroidos desde a zona de Xinzo ata Viana do Bolo pasando polo de Cualedro, Verín-Monterrei, Castrelo, Matamá, Laza…
A sala de exposicións da “Casa do Escudo” de Verín acollerá a mostra desde o mércores 24 de febreiro e ata o domingo 13 de marzo en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 20:30. No caso dos bares das localidades de Verín, Castrelo do Val e Viana do Bolo esta estará repartida polos disintos locais nos horarios de cada establecemento e os centros de ensino farán a mostra nas semana anterior ao entroido .
No hay comentarios:
Publicar un comentario