4 mar 2011

ÉXITO DE "MEMORIA DE ENTROIDO":::

A exposición colectiva "memoria de entroido", organizada desde esta coordinadora, está a ter grande acollida tanto entre a veciñanza da zona coma nos visitantes que estes días se están a achegar a vivir con nós o magnífico entroido que temos. Pódese visitar completa na CASA DO ESCUDO de Verín ata o día 13 (de 10-2 e de 4.30-8.30), alí ademais está exposta a mostra do proceso de elaboración da careta do cigarrón e as tallas que Paco de Matamá fixo con escenas do entroido de Laza. De porteiro temos un cigarrón e para alumear un fachón de Oímbra.
Os centros de ensino tamén teñen a exposición montada, nalgúns xa a puidestes ver estes días previos ás festas de entroido e noutras instalaráse xusto á volta das vacacións carnavaleiras. Os centros onde se pode ver a mostra son os seguintes; En Viana do Bolo CEIP Bibei e IES Carlos Casares, en Cualedro Ceip Vicente Risco, en Castrelo do Val no Ceip do mesmo nome e en Verín nos IES García Barbón, Xesús Taboada Chivite e Castro de Baronceli, tamén está nos CEIP María Inmaculada e no Amaro Refojo.

Estes días de festa, e para non perder, de ver as fotos que escollemos entre toda a comunidade escolar podemos ir a determinados bares da nosa contorna e, facendo unha rutiña por eles, contemplar a exposición. Está organizada en oito paneis e estes distribúense en cada localidade por varios bares. Así en Castrelo do Val hai que facer ruta polas distintas parroquias do concello e achegarse a bares e tabernas para ver as fotos. En Viana do Bolo hai que dirixirse ao centro da vila e ir aos seguintes establecementos: Viana 76, Caracas e Dani. En Verín a mostra repártese polos seguintes oito establecementos; Caruso, Alén, Aturuxo, Fidel´s, Piano Bar, Meigallo, Lusco-fusco e Dorna.

Desde a COORDINADORA COMARCAL DE EQUIPOS DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA queremos agradecerlle a todo o mundo que colaborou pola axuda prestada, especialmente ao noso alumnado e ás familias que se involucraron na recollida das fotos, ao profesorado dos distintos centros que dedicou moitas horas e ilusión en levar adiante este proxecto, ás direccións dos distintos centros por apoiar a iniciativa, aos Concellos que colaboraron prestando instalacións, deixando materiais etc, especialmente ao de Oímbra polo fachón presente na Casa do Escudo e ao de Verín pola edición de carteis e maila instalación e persoal da Sala de Exposicións. Agradecémoslle tamén aos distintos bares non só por colaborar na mostras, senón por involucrarse na organización deste proxecto, mesmo pedíndolle aos seus clientes fotografías e polo seu tempo nuns días de tanto traballo. Finalmente tamén queremos agradecer os distintos medios de comunicación tanto locais como a nivel autonómico que se interesaron pola iniciativa e axudaron a difundir esta actividade.
O Galego, o noso medio natural, nas "memorias de entroido" nestes días de carnaval!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario